martes, 14 de junio de 2011

Benvidos o voso Museo


San Cibrao é terra de mar. É unha península, unha lingua de terra que sae sen medo ó encontro do mar. Duro, perigoso, bravo, escravo..., mais tamén unha porta aberta a novos horizontes, incertos mais tamén esperanzadores. 

San Cibrao foi berce de facedores de barcos e de homes afoutados, que a bordo deles peneiraron o mar para sacar del os seus froitos e foron quen de navegar ata lonxanos mundos. Mundos descoñecidos, mundos da memoria, historias senlleiras que forxan o espírito dun pobo. Historias para ser contadas...

O noso Museo do Mar é o seu mellor narrador. Non en van, desde hai máis de corenta anos, este museo, que nunca deixou de ser escola, lévanos da man polo ronsel de pegadas herdadas dos nosos devanceiros: os facedores de mundos.

Levamos áncoras!....sexan todos benvidos a esta a súa casa.


SECCIÓNS:
O museo organízase en un vestíbulo e catro salas, que conteñen sete seccións temáticas. O percorrido será accesible en cada sección. Haberá marcas polo chan e pezas para tocar en cada unha. Asimesmo, contaremos con follas de sala e informacións complementarias en braille e macrotipos.

ENTRADA E SALA 1:
0. A ESCOLA: Un museo de todos, para todos. O LATEXO DO MUSEO: motor do barco e arquivo fotográfico.

SALA 2:
1. A CARPINTERÍA DE RIBEIRA, O CASO DE SAN CIBRAO.
2. TIPOLOXÍA DE BARCOS A VELA CONSTRUIDOS EN SAN CIBRAO.
3. A ARTE DE MAREAR: BUSCANDO O NORTE. Os instrumentos náuticos e a navegación astronómica.

SALA TRES:
4. OS OFICIOS DO MAR.
5. HISTORIA DA PESCA EN SAN CIBRAO: ARTES E APARELLOS DE PESCA.
6. A VIDA MARIÑA, ALGO MÁIS CA PEIXES.

SALA CATRO:
7. OS CAZADORES DE BALEAS.